Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña queremos lembrar que dende
o intento de desafiuzamento de Elisabeth Sanlés o pasado día 8 de Outubro:
1)
Elisabeth non recibiu ningún tipo de atención
dende as institucións responsables. É ela a que procura poñerse en contacto tanto
con Servizos Sociais da Coruña como coa Consellería de Traballo e Benestar, con
escaso éxito. As administracións pásanse a pelota e non queren entender que
deben dar resposta e informar á persoa afectada das solucións que supostamente
van implementar.
2)
Dende as institucións competentes reincídese na
falta de recursos: tanto o concelleiro de Servicios Sociais, Miguel Lorenzo,
coma o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) fan fincapé en que non teñen
vivendas para a xente que as precisa. O IGVS chega a afirmar que dispón de 5
vivendas para 5.000 persoas e familias solicitantes. Tendo en conta que só na
cidade da Coruña hai 20.000 vivendas baleiras segundo cálculos do Instituto
Nacional de Estatística, entendemos que o problema non é de falta de recursos
senon de vontade e responsabilidade política.
3)
Case dúas semanas despois do intento de
desafiuzamento, e vendo a escasa celeridade das institucións ante unha
situación de emerxencia, preguntámonos que pasaría se o desafiuzamento non se tivera detido: se ela aceptase a única vía proposta polos Servicios Sociais, se fose
desafiuzada, marchase para Padre Rubinos e perdese a custodia dos seus fillos,
sería isto un éxito da política
social local e autonómica? É isto unha mostra da política social en
Galicia?
Reincidimos en que a suposta
falta de recursos está máis ben relacionada coa falta de vontade e
responsabilidade política. Os desafiuzamentos non son inevitables, as persoas
desafiuzadas non son culpables, hai vivendas construídas de sobra para cubrir
as necesidades, e o que se está a protexer dende as administracións non é o
dereito á vivenda senon a especulación inmobiliaria e financeira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario