Páginas

martes, 3 de diciembre de 2013

O IGVS, a última esperanza de coherencia no caso de Elisabeth Sanlés

Mañá, mércores 4 de novembro, terá lugar a reunión de valoración do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na que se tratará a posibilidade da adxudicación directa dunha vivenda para Elisabeth Sanlés, en resposta á solicitude presentada hai xa dous meses. Segundo lle foi notificado á propia afectada, a resolución tomada nesta xuntanza seralle trasladada o xoves 5 a primeira hora da mañá. 

Cómpre lembrar que este tema deberíase ter abordado xa na semana pasada, evitando incluso o dantesco espectáculo da militarización do barrio do Castrillón, se tivera cumprido ca súa palabra o director técnico dos Servizos Sociais da Coruña, José Luis Quintela, quen lle mentíu a Elisabeth afirmándolle que o informe de Servizos Sociais –última documentación precisa para que o IGVS puidera valorar o caso- fora enviado sete días antes a dito organismo, aspecto que o propio Instituto Galego de Vivenda e Solo sinalou que non era certo, xa que non recibiron dita documentación até o pasado 27 de novembro, día no que parapetada por antidisturbios a comisión xudicial executou o vergoñento lanzamento.

A este respeito, sinalar que segundo lle comentou o propio Quintela a Elisabeth o pasado xoves 28, el foi finalmente deposto da súa intervención nesta comisión do IGVS, co que temos a esperanza de que por fin a resolución deste caso vaia ser abordada por persoas competentes na materia, que alén de xuízos moralistas e criminalizantes como os realizados por este director técnico, traten de dar pasos cara a resolución do conflito social enquistado do acceso á  vivenda, avanzando na responsabilidade de dar cumprimento a este dereito básico recoñecido tanto no Artigo 47 da Constitución Española como no Artigo 25.1 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, ratificada polo Estado español no ano 1978.

Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña atopámonos expectantes diante desta reunión que podería poñer fin ao vergoñento periplo burocrático que leva sufrindo Elisabeth nestes últimos meses, no que se deron incoherencias significativamente graves como o feito de que os Servizos Sociais da Coruña non apreciasen o caso de Elisabeth Sanlés como unha "situación de especial vulnerabilidad o desvalimiento", e tivese que ser o titular do Xulgado de Primeira Instancia número 9 quen recoñecese esta situación.

En mans do IGVS, -que está pendente de adxudicarlle unha vivenda a Elisabeth dende o ano 2011-, atópase agora a última opción para unha saída ao presente conflito, un caso que na realidade é a representación da situación de moitas máis persoas e familias na cidade da Coruña e na Galiza: A falta de ingresos para poder subsistir, xunto coa carencia nunca satisfeita dun dereito básico como é o da vivenda, sendo o verdadeiro problema o da acumulación da riqueza nas mans dunha minoría, provocando deste xeito a falta de oportunidades para que a maioría social podamos vivr dignamente, lonxe de estigmas sociais, xuízos morais e caridade institucionalizada, as únicas alternativas que os responsábeis da área de Servizos Sociais obcécanse en ofertar. 

Resulta canto menos indignante que logo da gravidade dos casos de desafiuzamento executados na Coruña –cifrado por algunhas fontes en dous desafiuzamentos por día-, as institucións competentes non teñan tomado ningunha medida real para paliar esta carencia vivencial.  Nin axudas ao pagamento dun alugueiro, nin a xestión de axudas sociais, nin moitísimo menos a concesión directa dun recurso básico como a vivenda están a ser activadas polas institucións nun momento no que o risco de pobreza afecta xa ao 22% das familias galegas. Namentras, os pisos dos bancos mercados cos cartos de todas e todos repagámolos novamente coas privatizacións da sanidade, da xustiza, da educación e con tantos outros ataques ao dereito da poboación a vivir con dignidade.
Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña queremos remarcar unha vez máis unha realidade que, por moi obvia que sexa, parece non querer ser recoñecida polas persoas responsábeis de velar polo cumprimento do dereito á vivenda: Os desafiuzamentos non son inevitables, as persoas desafiuzadas non son culpábeis, hai  construídas vivendas de sobra para cubrir as necesidades  da poboación -só na cidade da Coruña hai arredor de 20.000 vivendas baleiras, e case 300.000 en toda Galiza segundo cálculos do Instituto Nacional de Estadística (INE)-, pero o que se está a protexer dende as administracións non é o dereito á vivenda da cidadanía, senón a especulación inmobiliaria e financiera argüída por entidades bancarias estafadoras ca connivencia de representantes políticos enriquecidos á costa da burbulla inmobiliaria.
Pola nosa banda, seguiremos reclamando unha solución para todas as Elisabet da cidade, para todas nós, sociedade á que se lle nega o acceso racional e xusto a unha vivenda, polo noso dereito a vivir sen ameazas e desafiuzamentos e contra a mercantilización deste dereito básico e fundamental: vivir é un dereito, ter casa tamén.


XUSTIZA SOCIAL PARA UNHA CORUÑA LIBRE DE DESAFIUZAMENTOS!!

Entre todas e todos podemos conseguilo!

No hay comentarios:

Publicar un comentario