Hoxe, martes 18 de febreiro,
cúmprese un ano dende que a mobilización da cidadanía da Coruña en forma de
desobediencia civil logrou paralizar por dúas veces a tentativa de desafiuzamento
da anciá Aurelia Rey. Cómpre lembrar que ese día deuse inicialmente a falsa
información por parte dos xulgados da Coruña da suspensión do desafiuzamento,
acadando nun primeiro momento desconvocar aos centos de persoas que acudiron a
apoiar a Aurelia. Sen embargo, esta estratexia ficou en evidencia cando a volta
dos antidisturbios puxo novamente en alerta á cidadanía e medios de
comunicación, logrando finalmente paralizar a tentativa de desafiuzamento
instigada pola familia Pereira logo de meses de mobbing inmobiliario contra esta muller. Sinalar que, un ano máis
tarde, xa con Aurelia residindo nunha vivenda de renda social, o seu antigo
fogar segue deshabitado, confirmándose a denuncia realizada pola propia
afectada.
Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña non queremos
deixar pasar a oportunidade de lembrar e
poñer en valor a reacción dunha cidadanía solidaria cuxa acción foi centro de
atención e exemplo para todo o Estado nese momento, acadando tamén unha
significativa repercusión
internacional. Foi tamén o día no que un bombeiro
negouse a cortar a cadea que impedía o paso da comisión xudicial que ía
executar o lanzamento, reacción histórica que espertou unha
vaga de solidariedade sen precedentes.
Así, na data na
que se cumpre un ano de todos estes acontecementos, queremos facer público o
noso recoñecemento e apoio a todos aqueles colectivos sociais e persoas a
título individual para as que, tanto aquí coma en calquera parte do mundo, a
responsabilidade de loitar contra a destrución dos nosos dereitos humanos e
sociais é máis forte que o medo co
que nos pretende paralizar o Sistema capitalista.
Por outra banda, como vimos denunciando dende os días
seguintes ao 18 de febreiro do ano pasado, a burorrepresión foi rapidamente
activada por parte do Goberno do Partido Popular, como unha estratexia para, a
través do temor ás sancións económicas, forzar á cidadanía a desistir de
visibilizar as críticas aos representantes políticos que nos botan das nosas
casas, recortan as nosas prestacións sanitarias, eliminan as prestacións
sociais, son cómprices corruptos da estafa bancaria, dinamitan o sistema
educativo e pulverizan os dereitos laborais conqueridos logo de ducias de anos
de loita obreira. Dita estratexia represora pretende ser levada ao extremo ca
aprobación nos vindeiros meses da popularmente chamada Lei
Mordaza ou Lei da Patada na Boca,
identificada polo Goberno ca cínica denominación de “Ley
de Seguridad Ciudadana”.
Segundo datos actuais do Ministerio de Interior, Galiza
é a terceira comunidade con máis expedientes administrativos abertos, un total
de 110, e xa lle foron roubados á cidadanía galega máis de 35.000€ en concepto
de multa por protestar contra as inxustizas sociais. A día de hoxe o colectivo
STOP Desafiuzamentos A Coruña acumula 12
notificacións de sancións administrativas por valor de máis de 4.000€. Así
mesmo, 3 compañeiras/os fican pendentes
de xuízo por teren pedido o número de praca a un policía que as identificou o
día do desafiuzamento de Aurelia, e outras 3 teñen xa data de xuízo para o vindeiro mércores 26 de febreiro.
Neste último procedemento está denunciado
tamén o responsábel da Área de Servizos Sociais da Coruña, Xosé Luis Quintela,
por ter insultado en ditas instalacións a Elísabeth Sanlés -unha
muller con fibromialxia a piques de ser desafiuzada-, e a varias persoas
integrantes do colectivo STOP Desafiuzamentos, que se desprazaran ata alí para
facer entrega do documento xudicial que confirmaba a situación de “vulnerabilidade
social” de E. Sanlés, negada en varias ocasións polos Servizos Sociais. En
vinganza por esta reacción, o señor Quintela decidíu interpoñer tamén unha
denuncia contra dous activistas do colectivo e contra a propia usuaria, que foi
finalmente desafiuzada a través dun polémico despregue policial
que militarizou o barrio de O Castrillón, e que conlevou a detención de
seis persoas.
Como fumos dando a coñecer nestes meses, fronte a esta
burorrepresión despregada polo Goberno, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña
activamos o ano pasado a campaña de denuncia e sensibilización “Múltannos
a nós para asustarte a ti”. Entre as accións desenroladas no marco da
mesma puxemos en marcha tamén unha recadación económica para facer fronte ás
multas a través dos “petos
de resistenza”, co que a día de hoxe contamos con máis de 800€ grazas á
solidariedade das veciñas e veciños da Coruña.
Nesta liña imos continuar o vindeiro sábado día 22 de febreiro, no que celebraremos unha
xornada reivindicativa e solidaria que,
entre outras actividades, contará con xantador popular, poesía e concerto. Este
evento terá lugar ademais nun dos espazos con maior actividade social e
cultural da cidade, o Centro Social Autoxestionado de
Palavea, arestora en
grave risco de desaloxo por mor da especulación financieiro-urbanística.
Nun día coma hoxe queremos tamén amosar o noso apoio ás compañeiras e compañeiros que
traballan por recuperar o uso cultural da Sala Iago no archicorrupto concello
de Compostela, e que foron desaloxadas onte pola mañá.
Por último, aproveitamos esta comunicación para
avanzar tamén que o vindeiro día 26 de
febreiro, no marco da mobilización convocada na Coruña como acción previa ás
Marchas
da Dignidade que terán lugar o 22 de marzo, levaremos adiante un acto de homenaxe á desobediencia civil como
ferramenta para acadar a xustiza social, no que tomaremos como símbolo o éxito
da loita da cidadanía da Coruña ao conseguir parar o desafiuzamento de Aurelia
Rey.
No hay comentarios:
Publicar un comentario