Páginas

martes, 10 de junio de 2014

Concentración de apoio á loita contra os desafiuzamentos e denuncia do funcionamento dos Servizos Sociais

Dende as 10.30hrs. e durante a realización do xuízo que terá lugar mañá contra o responsábel da área de Servizos Sociais (SSSS) do Concello da Coruña Xosé Luis Quintela, convocamos á cidadanía a xuntarnos no exterior do Xulgado mañá, mércores 11, para continuar a denunciar o drama sangrante do arrebatamento dos nosos fogares a través da estafa bancaria destapada no ano 2008. Só na Galiza, cada mes 150 familias perden a súa casa. A nivel estatal, só no primeiro trimestre deste ano, iniciáronse case 20.000 procesos de desafiuzamento. Mentras tanto, só na provincia da Coruña, 300.000 vivendas fican baleiras, e o Concello herculino, que conta con 20.000 destas vivendas abandonadas, teima en seguir ampliando a lista do despropósito, engadíndolle as máis de dúas mil previstas no Parque Ofimático.

Aliás, dado que o xuízo que terá lugar mañá vén motivado polos insultos e vexacións emitidos polo responsábel da área de Servizos Sociais contra Elisabeth Sanlés, unha usuaria dos mesmos que finalmente foi desafiuzada do seu fogar en outubro do ano pasado e á que,  inda a día de hoxe, seguen a negarlle a RISGA, queremos tamén a través desta concentración visibilizar a situación de desamparo na que moitas veces se senten as persoas en risco de exclusión social que acoden a estas instalacións.

Segundo datos da Rede Europea contra a Pobreza, xa no ano 2011 case 700.000 eran persoas pobres na Galiza, e o drama segue crecendo. No marco da aberrante crise social e de dereitos provocada pola estafa bancaria e a corrupción política que estamos a padecer as clases traballadoras, máis de 100.000 familias galegas atópanse en risco de exclusión social ao teren a tódolos seus membros no paro. A secuencia é clara: primeiro perdemos o traballo remunerado (segundo a EPA 2014, un 23,2% da poboación galega xa o perdeu), seguidamente a vivenda e, a continuación, a posibilidade de poder mercar comida. Por iso chegamos á vergoñenta situación de que, segundo denuncian organizacións como Cáritas, unha de cada catro cativas e cativos viva baixo o limiar da pobreza na Galiza.

Mais malia á crueza desta realidade, case todas as semanas temos coñecemento en STOP Desafiuzamentos A Coruña de testemuñas que son tratadas polos Servizos Sociais, non como persoas en grave risco de exclusión social, senón como “estafadoras” de axudas sociais. Tamén puidemos presenciar dentro das propias instalacións como  hai traballadoras e traballadores dos SSSS que nin tan sequera asesoran correctamente ás persoas que acoden solicitando axuda.  Folga dicir que este mal trato dado a persoas que se atopan nun momento vital realmente angustioso e difícil afonda na súa vulnerabilidade psicolóxica e provoca nelas un sentimento de derrota, vergoña e humillación que lles leva a deixar de acudir a este servizo público.
No ano 2013 remitíronse ao Valedor do Pobo máis de duascentas queixas referidas ao funcionamento dos Servizos Sociais[1] na Galiza.

Porén, tamén queremos aproveitar esta comunicación para transmitir o noso recoñecemento polo bo traballo que realizan unha parte das traballadoras/es dos servizos sociais, persoas que obviamente non se deben sentir incluídas nestas críticas e polas que tamén consideramos importante loitar e visibilizar precisamente o comportamento de “superiores” como o señor Quintela, xa que logo de presenciar como insultaba publicamente a unha usuaria, intuímos que estar baixo a xerarquía laboral deste tipo de individuos engade unha boa dose de tensión a un traballo diario xa de por si emocionalmente complexo.




Concentración de apoio á loita contra os desafiuzamentos
e denuncia do funcionamento dos Servizos Sociais


Mércores
11 xuño


10.30hrs.


Diante dos Xulgados da R/Monforte. A Coruña

No hay comentarios:

Publicar un comentario