Mañá, mércores
11 de xuño ás 11.00hrs., o
responsábel de Servizos Sociais do Concello da Coruña, X.L. Quintela, acudirá
por segunda vez aos xulgados da R/Monforte[1] por
ter insultado a unha usuaria de ditos servizos, Elisabeth Sanlés, da que
ademais aireou datos persoais e pretendeu negarlle a posibilidade de ser
atendida no futuro por este servizo público.
Este xuízo tiña
que ter sido realizado no pasado mes de febreiro, pero foi adiado debido a que o señor Quintela presentou tan a última hora unha
testemuña que imposibilitou que esta persoa puidera acudir á vista, dando
lugar á suspensión temporal da mesma.
Afondando un chisquiño máis nos pormenores que arrodean
este xuízo, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña resúltanos canto menos “chamativo”
que, ao máis puro estilo dos seus compañeiros no Partido Popular compostelano,
X.L. Quintela conte tamén cunha avogada do Concello, pagada con cartos públicos,
para tentar escaquearse das sancións que poidan vir derivadas dos insultos e
vexacións inflixidos contra esta muller, nai de tres fillos e con fibromialxia,
que acabou perdendo a súa vivenda no medio dun impresionante e custoso
despregue de antidisturbios que militarizou o ano pasado o coruñés barrio de O
Castrillón. Ademais, seis persoas foron detidas ese mesmo día por apoiar a
Elisabeth, e serán xulgadas o vindeiro 30 de setembro.
Xuízos, multas, antidisturbios...
e insultos
Como lembrabamos fai unhas semanas a través dunha nota
de prensa, ao igual que a maioría de colectivos que están a loitar a través
da organización social para defender os dereitos básicos de tódalas persoas nun
momento no que na Galiza máis de 100.000 familias teñen a tódolos seus membros
no paro e un de cada catro nenos/as sufre desnutrición, STOP Desafiuzamentos A
Coruña vén soportando dende o inicio da súa actividade reivindicativa unha
continua represión por parte das mesmas institucións que día a día
evidencian ca súa praxe unha desafección total e absoluta polo drama social que
está a vivir a amplísima maioría da poboación galega e do Estado.
Nesta estratexia de acoso aos movementos e organizacións
sociais, onde o prezo a pagar por visibilizar nas rúas o ataque á dignidade de
todas e todos nós oscila dende a represión policial até a imposición compulsiva
de multas e xuízos, o responsábel da
área de Servizos Sociais da Coruña, X.L. Quintela, fixo o ano pasado a súa
aportación persoal insultando nas dependencias públicas a Elisabeth Sanlés, a
súa sobriña e a membros de STOP Desafiuzamentos, no momento no que achegaban
unha providencia emitida polo titular
do Xulgado de Primeira Instancia número 9 da Coruña na que se recoñecía a
"situación de especial vulnerabilidade ou desvalimento" da
citada usuaria.
Diante desta intolerábel situación e, sobre todo, da necesidade de denunciar o trato que o
responsábel dos Servizos Sociais da Coruña exerce contra as persoas en
situación de vulnerabilidade social -que dista moito da imaxe que este
pretende dar a través dos seus habituais artigos de opinión na prensa escrita
local-, as mulleres afectadas e dous
integrantes do colectivo STOP Desafiuzamentos interpuxeron denuncias[2]
contra X.L. Quintela, ao que el reaccionou “contradenunciando”.
Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña queremos voltar trasladar
a nosa preocupación polo feito de que un traballador do Concello que se amosa
incapaz de atender a persoas que están en situación de vulnerabilidade social,
sexa o responsábel dunha área tan sensíbel e importante como é a dos Servizos
Sociais. Novamente cómpre reiterar que Xosé Luís Quintela chegou a este posto de
especial responsabilidade a través do sistema eufemisticamente coñecido como
“de libre designación”, popularmente entendido como “a dedo”, un “procedemento”
de designación de responsábeis que, alén da súa falta de transparencia, dista moito
de poder garantir a idoneidade profesional de quenes son colocados nestes
postos públicos.
Aliás, é preciso sinalar tamén que o responsábel máximo deste servizo, o concelleiro de Servizos Sociais Miguel
Lorenzo, está a ser nestes momentos investigado pola xuíza instrutora do caso
Pokemon diante da posibilidade dun delito de tráfico de influencias.
Concentración
de denuncia e apoio á loita contra os desafiuzamentos
Dende as 10.30hrs. e durante a realización do xuízo, convocamos á cidadanía
a xuntarnos no exterior do xulgado o
vindeiro mércores 11 para continuar a denunciar
o drama sangrante do arrebatamento dos nosos fogares a través da estafa
bancaria destapada no ano 2008, e que deu lugar á actual situación de crise
social e de dereitos. Só na Galiza, cada
mes 150 familias perden a súa casa. A nivel estatal, só no primeiro
trimestre deste ano, iniciáronse case
20.000 procesos de desafiuzamento. Mentras tanto, centos de miles de
vivendas fican baleiras secuestradas por poderes financieiros á espera dun bon
momento para seguir a especular cun dereito básico como é o da vivenda,
recoñecido no Artigo 47 da Constitución.
Nin xente sen casa, nin casas sen xente!!
O caso de Elisabeth (04/10/2013)
Convocatorias contra o desafiuzamento de Elisabeth (06/10/2013)
Caso Elisabeth - Presentado o recurso para a suspensión do desafiuzamento (14/10/2013)
Caso Elisabeth - Sen solución dúas semanas despois (20/10/2013)
URXENTE! Novo intento de desafiuzamento de Elisabeth (26/10/2013)
Concentración en condena da represión policial efectuada durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés (28/11/2013)
Cantas familias na rúa precisa o Concello para facer dunha vez por todas o seu traballo? (30/11/2013)
O IGVS, a última esperanza de coherencia no caso de Elisabeth Sanlés (03/12/2013)
O IGVS rexeita a solicitude urxente de vivenda de Elisabeth Sanlés (07/12/2013)
X. M. Quintela, responsábel de Servizos Sociais, xulgado por inxurias e/ou vexacións contra unha usuaria e activistas de STOP Desafiuzamentos (25/02/2014)
[2] Axuntamos neste correo unha das denuncias interpostas por STOP Desafiuzamentos A Coruña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario