Páginas

martes, 18 de noviembre de 2014

A veciñanza de Elviña denuncia no pleno do Concello a política especuladora que está a levar o Goberno Local

Na mañá de hoxe acompañamos á veciñanza de Elviña ó pleno do Concello da Coruña para amosar a nosa repulsa fronte ós abusos que vén cometendo contra esta comunidade. O inminente desafiuzamento de Álvaro e Isabel non lle parece ao alcalde Negreira motivo suficiente para dar a cara diante das familias afectadas, nin tan sequera para explicarlles por que continúa o proceso de demolición das vivendas de Elviña, nin o motivo polo cal non resposta ás alegacións ó Plan presentadas polas veciñas e veciños, nin a que se debe que leve meses negándose a recibilas.

Ante tanta indiferenza, parecía necesario lembrarlle ó alcalde Carlos Negreira e concelleiros como Martín Fernández Prado, responsable de Urbanismo, a existencia dun conflito que segue aberto. Foi no momento no que os concelleiros/as comezaron a entrar no salón de plenos que as veciñas e veciños alí presentes decidiron chamar a atención de Negreira e Prado, lembrándolles que non se van someter á inxustiza que queren cometer contra as súas familias. A protesta foi rapidamente bloqueada pola Policía Local, desaloxándoas do Concello.

A posición das familias afectadas transmitiuna Pilar Santiago, veciña de Elviña, tras ser desaloxada do pleno: “Non nos dan ningunha alternativa, non queren dialogar con nós. Xa vedes como actúan con nós: con violencia. Non nos reciben, non queren ter ningún contacto con nós, entón a situación que estamos vivindo é angustiosa”. Preguntadas sobre como lles afecta o proxecto do Plan Ofimático, as veciñas contestan que “non se sabe o que van facer. (…) Hai reclamacións da Universidade, da asociación de veciños de Elviña e dos veciños individualmente, pero non contemplan nada. É igual, a ponte non se vai facer posiblemente, pero queren desaloxarnos, queren deixar baleiras esas parcelas porque veñen as municipais e hai que vender que o problema do Ofimático está solucionado.”

As alegacións dos veciños das que fala Pilar Santiago foron presentadas en maio, e aínda non obtiveron resposta. O Concello ten a obriga de contestar tódalas alegacións presentadas antes de dar o Plan por pechado, pero non amosa moito interese en explicar ás familias afectadas, coma a de Isabel e Álvaro, os motivos polos que lles quita as súas casas. Álvaro leva esperando a que lle respondan á solicitude de reunirse co Concelleiro de Urbanismo dende comezos de setembro, pero a única interlocución co Concello deuse o pasado venres, coa visita non anunciada á súa casa de dúas funcionarias e un policía. O obxectivo desta "comisión" era transmitirlles que o Concello ten a intención de derrubar a súa casa antes do vindeiro o día 27, e sen agardar á resposta do recurso que a defensa legal de Isabel e Álvaro está a plantexar. “Non é viable, pero, en palabras textuais das funcionarias do Concello: esa ponte, se faga ou non se faga, ti te tes que ir da túa casa, polas boas ou polas malas, pero ti te vas”, comenta Pilar, presente no momento da visita.

“O drama do Ofimático nunca foi máis drama que agora”, continúan, e pregúntanse a que se debe a obsesión do Concello por desaloxar e demoler vivendas habitadas cando o Plan non está sequera pechado. “Non sei que intereses hai no Parque Ofimático, non o sabemos, é algo que se nos escapa”.


A quen beneficia o desaloxo de Isabel e Álvaro?

O proceso de urbanización do Parque Ofimático arrastra todo tipo de irregularidades e desfeitas. No momento actual, resulta canto menos curioso a premura coa que o Concello pon en práctica as manobras de acoso, derrubo e desaloxo da veciñanza de Elviña, tendo en conta o escaso interese social que suscita o Plan.

Se as empresas construtoras (Aproinco) prefiren adiar o comezo das obras a que veñan mellores tempos para as inversións, as cooperativas teñen xa as parcelas que precisan e en nada lles afecta o que se faga ó outro lado da Avenida Alfonso Molina (onde vive a familia de Isabel), e o Concello ten que endebedarse aínda máis para seguir acometendo as obras interminables, por que mantén a idea de demoler urxentemente as vivendas da marxe dereita (onde aínda non hai un plan claro do que se pretende edificar)? Por que non ir racionando as obras de tan faraónico Plan, avanzando por sectores, no canto de pretender baleirar toda Elviña de vez para deixala dispoñible para un proxecto pantasma? Por que non acceder á petición das familias desa marxe da Avenida, explicitada nas alegacións presentadas en maio, de que a súa zona se desafecte do Plan?

A única empresa que está a traballar sobre o terreo é Acciona, encargada de deixar o solar do Ofimático preparado para a súa urbanización e a edificación de vivendas. Tamén é Acciona a responsable de colocar o pilar sobre a casa de Isabel e Álvaro, pilar que supostamente viría a soster ese viaducto inviable de 8 metros de altura que aparece no proxecto do Parque Ofimático. Está Acciona presionando ó Concello para poder rematar canto antes, caia quen caia, a súa parte do Plan e cobrar o que lle corresponda? Ou é o Concello quen está a presionar a Acciona para que deixe todo o terreo asignado ó Ofimático convintemente urbanizable independentemente das necesidades da xente que alí vive?

O Concello debería respostar a estas preguntas e aclarar as súas motivacións, pois se se dese algo semellante a estas hipóteses que comeza a barallar a veciñanza de Elviña estariamos asistindo a unha inxerencia intolerable do lucro privado na xestión do ben público. Non se trataría só do financiamento da iniciativa privada dende as arcas públicas do concello, se non da privatización do solo municipal para un uso lucrativo da empresa adxudicataria das citadas obras, e unha desprotección, acoso e instigación ás familias dunha das zonas máis significativas da memoria ecolóxica e rural da nosa cidade por intereses económicos particulares.

Cabe lembrar como o mobbing administrativo padecido por esta veciñana se manifestou no caso de Manuel Ramallo, residente por máis de medio século do lugar de Elviña-Galán e desaloxado contra a súa vontade a comezos de ano. Esta estratexia, como vimos relatando, xa está sendo aplicada polo Concello no caso de Isabel e Álvaro.

A cidade non medra, medran as fortunas dos especuladores que en nome dun suposto interese xeral acometen estratexias de acoso e medo sobre as familias que habitan o lugar de Elviña. Habitantes que pra o concello e a empresa promotora deixaron de ser suxeitos de dereito e benestar para convertírense en obstáculos para o avance dun falso progreso urbano baseado na especulación, o interese privado e a desaparición de calqueira vínculo sociohistórico  entre a práctica da cidade e a comunidade que a habita e da forma.

Ante a política criminal e corrupta do Concello, chamamos a amosar a nosa solidariedade coa veciñanza de Elviña na concentración convocada para este XOVES 20 de NOVEMBRO xunto á casa de Isabel e Álvaro (ó carón da pasarela peatonal que pasa sobre a Avda. Alfonso Molina, á altura da gasoliñeira) e berrar ben forte, ó lado das familias afectadas, que “Elviña non se vende, Elviña se defende”.



Concentración en apoio da veciñanza de Elviña
afectada polo Plan Ofimático
DATA
HORA
LUGAR
Xoves
20
Novembro
 
20:00hrs.
Pasarela de Eirís a Elviña, á altura da gasoliñeira


No hay comentarios:

Publicar un comentario