Páginas

miércoles, 26 de noviembre de 2014

Un veciño de Elviña detido na concentración contra o desaloxo de Isabel e Álvaro


Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña queremos informar e denunciar o acontecido durante a concentración de hoxe pola tarde contra o desaloxo de Isabel e Álvaro, veciñanza de San Vicente de Elviña afectada polo proxecto do Parque Ofimático. No transcurso de dita concentración diante da casa das persoas afectadas, que en todo momento foi pacífica e transcurriu sen ningunha molestia, a Policía Nacional detivo a un veciño do lugar. 


Cando este se atopaba na pasarela de Alfonso Molina mirando tranquilamente o discurrir da concentración, tres axentes antidisturbios foron cara el e tentaron afastalo de xeito agresivo, con perigo de caer. A xente concentrada achegouse para saber o que estaba a pasar e os policías puxéronse en atitude intimidatoria, con clara intención de provocar altercados. Aínda tratando de que nos explicaran os motivos desa retención e mantendo a calma para evitar máis problemas, os axentes antidisturbios, ataviados para cargar, empurraron ás persoas que pedían explicacións e negáronse a soltar ao veciño retido. Finalmente, levárono detido sen ningún motivo, nun acto máis de represión contra a veciñanza de Elviña, vítima dos abusos do Concello da Coruña. 

Queremos sinalar que este mesmo veciño detido, e que aínda agora se atopa nas dependencias policiais de Lonzas atendido por un avogado da plataforma, é un dos afectados polo proxecto do Parque Ofimático. Foi en marzo deste mesmo ano cando o Concello da Coruña desaloxou e derrubou a casa do seu sogro Manuel Ramallo, un home de 85 anos que levaba toda a súa vida vivindo en Elviña-Galán.

Agora, o mesmo Concello que reprime e acosa á veciñanza e a todas aquelas persoas que amosan a súa solidariedade con ela, quere desaloxar á familia de Isabel e Álvaro para construír unha ponte que non vai a ningures nin soluciona as necesidades reais da cidade.

A actuación que temos sufrido hoxe por parte dos corpos de antidisturbios da Policía Nacional lembra a tempos pasados nos que a protesta e a liberdade de expresión era reprimida e criminalizada. Parécenos inaceptable que se tiveran producido estes feitos que fixeron perigar a integridade física deste veciño e provocaron máis tensión aínda sobre a familia de Isabel e Álvaro e o resto da veciñanza.

A orde de desaloxo está prevista para mañá ás 9h, despois dunha semana na que o Concello reincidiu nas súas condutas mafiosas, desoíndo as peticións da veciñanza para ser desafectada deste proxecto especulador, ameazando á familia afectada e reprimindo duramente as súas protestas.

Chamamos á cidadanía da Coruña a participar na convocatoria de solidariedade con esta familia e de oposición á execución deste desaloxo. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario