Páginas

domingo, 28 de junio de 2015

Sumámonos á convocatoria para esixir que a Lei Mordaza non entre en vigor


Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña queremos unirnos publicamente á convocatoria estatal contra a entrada en vigor da Lei Mordaza, que será efectiva a partires do día seguinte, 1 de xullo. Por isto, o próximo martes 30 de xuño ás 20.00 horas na praza do Obelisco sumarémonos á protesta reivindicando ó noso dereito a expresarnos e denunciar publicamente o que consideramos inxusto. Para o noso colectivo esta norma supón un retroceso enorme para os movementos sociais e incide, aínda máis, na criminalización da protesta con sancións desproporcionadas e absurdas.
A mal chamada Ley de Seguridad Ciudadana é un ataque directo en contra das liberdades de expresión e de concentración. Entre outras cousas a normativa prevé que a paralización dun desafiuzamento sexa considerada infracción grave, supoñendo multas entre os 601 e os 30.000 euros a cada un dos participantes por “impedir que os funcionarios públicos exerzan a súa función”.
Tamén está considerada como grave o uso sen permiso de imaxes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, sen que esta lei aplique en sentido inverso, é dicir, que un policía tome unha foto a un manifestante non terá ningunha consecuencia, acto que fan habitualmente en calquer concentración convocada legalmente. Esta medida ten especial incidencia en canto eran esas grabacións de manifestantes as que moitas veces servían para denunciar os sistemáticos abusos de poder por parte da Policía, así como para defenderse ante as acusacións falsas que a miúdo os corpos “de seguridade” do Estado empregan para endurecer a represión.
Tamén se considerará grave protestar dentro dun edificio da administración pública. Estes delictos, que xa non serán faltas, se equiparan á sanción equivalente ao tráfico de armas e moi superiores á intimidación a unha persoa cun arma branca ou contundente, xa que está considerada como falta leve.
É tal a a cantidade de abusos que permite esta nova lei que a mesma ONU pronunciouse en contra dela, así como numerosos medios extranxeiros, e son numerosísimos os colectivos, asociacións, organismos e institucións que amosaron o seu rexeitamento ante esta normativización do autoritarismo.
No que atinxe ó noso colectivo, que xa acumula multas por valor de máis de 16.000 € (boa parte delas xa pagadas gracias á solidariedade da xente), unha sanción por simple desobediencia pacífica (base do noso activismo) suporía arriscarse a contraer unha hipoteca de por vida, co irónico que iso resultaría.
Por todos estes motivos desde o colectivo pensamos que a entrada en vigor desta lei é un despropósito en todas as súas as vertentes, que pretende criminalizar aos movementos sociais e obter un afán recadatorio na poboación máis activa coa ameaza implícita que significa “se protestas non chegas a fin de mes”.
Non temos medo! E contamos con que toda a sociedade civil indignada se una a esta convocatoria e que nos acompañe en algo que nos pertence a todo o mundo: o dereito a protestar contra o que nos parece inxusto.

CONTRA A REPRESIÓN, MOBILIZACIÓN!!
NIN XENTE SEN CASA NIN CASAS SEN XENTE!
#SENMORDAZAS!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario