miércoles, 20 de abril de 2016

ABANCA SI DESAFIÚZA!!

Onte na asamblea de persoas afectadas pola vivenda coñecimos o caso dunha parella demandada por ABANCA. No seu día pediron un préstamo para a vivenda, non para todo o prezo senón para unha parte. Pagaron ata que perderon o negocio do que vivían e quedaron sen nada, sen ingresos nin prestacións públicas.

ABANCA non lles dá alternativa ningunha, cancelou todo o préstamo usando a cláusula de vencimento anticipado, que é abusiva segundo a doutrina do TJUE (Tribunal de Xustiza da Unión Europea), e demandounos nos xulgados, como seguen a facer os bancos, digan o que digan.

A ILP da PAH xa pedía
a paralización de todos os procedementos. O goberno do PP tumbouna en 2013, malia ter 1.500.000 firmas de respaldo. As medidas da lei 1/2013 son parches, non solucións, e o código de boas prácticas é unha broma macabra porque os bancos non o cumpren e as administracións non levan control ningún.

Hai uns días pasou por A Coruña o compañeiro Néstor, facendo en bici o Tour das Cinco da PAH (#Tourlas5delaPAH), reinvindicacións de mínimos que seguen esixindo
a paralización dos procedementos.

Nova Caixa Galicia, agora ABANCA, foi o momento culminante das operacións nas que os grandes xenios financieros da Galiza concentraron unha grande cantidade de aforros, multiplicáronos en operacións especulativas, forráronse con grandes soldos e indemnizacións, e afundiron as caixas. O goberno gastou máis de 9.000 millóns no rescate, e despois regaloulle o patrimonio a Escotet por 1.003 millóns.

Nin o goberno nin ABANCA amosan a menor sensibilidade cara as persoas que non poden facer fronte ós pagos por estar afectadas por unha crise económica, social e financiera da que non teñen culpa. O goberno e ABANCA son impacables coas persoas, abandoadas, sen prestacións axeitadas, sen alternativas á situación de paro forzoso, sen dereito á vivenda.

A unión fai a forza! Non somos culpables, somos persoas! Seguimos facendo camiño, apoiándonos, abrindo vías xudiciais, compartindo sensibilidades diferentes que nos axuden a saírmonos de espirais de sofrimento que non merecemos.

Só a loita fai xustiza. Somos parte da sensibilidade e o esforzo de millóns de persoas, organizadas ou non en colectivos como as PAHs, STOPs, e moitos outros que coidan das persoas, a saúde, a educación, os montes, o mar, o medioambiente, os barrios, a imaxinación, os dereitos das persoas migrantes e que fuxen da guerra... A cabeza non para, haberá vida mentres loitemos contra a morte, o corazón pide outro xeito de relacionármonos, máis libre, máis solidario, máis divertido do que nos ofrecen os Donos de Todo e os administradores e beneficiarios da crise do modelo, que xa non serve, que hai que mudar por outros mellores, por motivos de SuperVivencia!

Paralización dos procedimentos xa! Stop crueldade bancaria!
Nin casas sen xente nin xente sen casa!
Vivir é un dereito, ter vivenda tamén!
Ningún ser humano é ilegal!
Abaixo os valados!


No hay comentarios:

Publicar un comentario