Páginas

miércoles, 13 de abril de 2016

Asemblea de afectadas o 19 de abril

En Stop Desafiuzamentos entendemos que para resolver as inxustizas con que este sistema nos oprime hai que partir do apoio mutuo e o traballo colectivo. Que o problema dunha persoa non é individual e illado, senon que é social e compartido con moita outra xente que tamén o sufre. Que nas últimas décadas o dereito á vivenda foi comercializado e hipotecado, e agora somos nós quen apanda coas consecuencias, aínda que quen se beneficiou segue tranquilamente disfrutando dos beneficios da súa estafa. E para poñer as cousas no seu sitio, unha soa persoa pouco pode facer, pero as experiencias do colectivo, da PAH a nivel estatal, e de tantos outros movementos previos e contemporáneos nos demostra que é unindo forzas que se acadan solucións.

Por este motivo facemos as asembleas de persoas afectadas: un espazo para compartir experiencias, entender que non estamos soas, apoiarnos solidariamente e comezar a aprender a autodefendérmonos dos abusos bancarios e xudiciais. Nos últimos tempos, tras anos de loita e reivindicacións constantes na rúa e fronte ás institucións, vanse abrindo pouco a pouco fendas xudiciais, chegando nalgúns casos a conseguir que se pechen procedimentos de execucións hipotecarias, ou obtendo sentencias do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que obrigan ó Estado a realoxar a persoas desafiuzadas sen alternativa de vivenda.

O próximo martes 19 de abril, ás 19.30h, xuntarémonos no centro social A Comuna (Verea do Polvorín nº 35) nunha nova asemblea de persoas afectadas para continuar explorando posibilidades de loita e empoderamento colectivo. Nesta ocasión, parte da asemblea adicaráse a aprender a atopar as principais cláusulas abusivas dos contratos hipotecarios. Se tes un problema de aluguer ou calquera outro tipo de problema para permanecer na túa vivenda, acude igualmente porque tamén se poden atopar vías de loita, se se traballan con tempo.

A experiencia amósanos que só a loita conxunta, o apoio mutuo e a solidariedade fan xustiza. Acude á próxima asemblea de afectadas!

NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

No hay comentarios:

Publicar un comentario