miércoles, 13 de julio de 2016

Concentración en apoio dunha afectada polo Santander e presentación de escrito ó Xuíz Decano


Onte nos concentramos ante os xulgados en apoio de Lola, compañeira que acudía a unha vista do seu procedemento de execución hipotecaria, demandada polo banco Santander. A pesares da publicidade institucional que nos quere facer pensar que os bancos xa non desafiúzan, comprobamos que nada máis lonxe da realidade: Santander, Abanca, BBVA e demais seguen aproveitando a posición de poder que lles outorgan uns contratos hipotecarios repletos de cláusulas abusivas para abalanzarse sobre a xente hipotecada ó mínimo impago.

Segundo o banco Santander, a Lola quérena botar da súa casa por non pagar 3 cuotas e media da súa hipoteca, segundo o seu abogado por unha cuota e media xa que o banco utiliza a cláusula de redondeo pola que cada ano lle cobran 5 días máis de intereses.

A Lola o Santander pódea botar da súa casa porque inclúe en tódolos contratos hipotecarios unha cláusula chamada VENCEMENTO ANTICIPADO, unha cáusula que non foi negociada no momento da contratación do préstamo hipotecario e da cal o notario non lle explicou o seu significado. Ninguén firmaría unha hipoteca cunha cláusula semellante. É a cláusula sexta bis, se tes hipoteca podela buscar e leer o que di. Esta claúsula permítelle ó banco poder reclamar ante o xulgado non só as cuotas vencidas, senon as que todavía están por vencer. É dicir, que se tes unha hipoteca de 30 anos e deixas de pagar unha cuota, a pesares de levar 10 anos pagados o banco podeche pedir que lle pagues de golpe os 20 restantes. Estamos tolos?

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea di que si, que estamos a utilizar unha lei ilegal e que provoca indefensión. O pasado 28 de maio, a propia Unión Europea afirmou que abrirá un procedemento de infracción contra España se non modifica a Lei Hipotecaria e a adapta á lexislación europea. Multa que teremos que pagar toda a cidadanía cos nosos impostos, incluso Lola.

Resumindo, bótannos das nosas casas por que nos xulgan cunha lei ilegal e aínda por riba temos que pagar unha multa por non utilizar a lei da Unión Europea, que é a que nestes casos debería prevalecer. É un sinsentido.

É por isto que, tras o xuízo de Lola, presentamos un escrito ó Xuíz Decano no rexistro do xulgado instándolle a tomar posición: non se pode seguir tolerando a dramática situacíón para miles de familias que temen perder a súa vivenda sen que polos Xulgados, coñecedores desta realidade, se adopten todo tipo de medidas de protección.

O caso de Lola é, desgraciadamente, un máis dos centos de miles que se están a dar a nivel estatal. Os colectivos sociais levamos anos sinalando a inxustiza do sistema legal español, acadando coa nosa mobilización non só que se paren desafiuzamentos in extremis ou dacións en pago que alivien considerablemente a carga das persoas hipotecadas, senon tamén, a través de litixios estratéxicos e sentencias pioneiras, que as institucións europeas (e agora cada vez máis tribunais do estado español) se pronuncien en favor dos dereitos das persoas afectadas, pisoteados sistematicamente pola actuación depredadora dos bancos e dos gobernos cómplices.

Agardamos con estas accións que o Xuíz Decano e os xulgados da cidade tomen conciencia por fin da situación que se está a sufrir e da súa responsabilidade dentro dela, e que pasen a informarse das novidades xudiciais e actuar en consecuencia. Nas mans dos nosos xuíces está evitar que se boten as familias das súas casas.


NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

No hay comentarios:

Publicar un comentario