lunes, 18 de julio de 2016

19 de XULLO: Nova asemblea de afectadas!

Lembrámosvos a nova cita coa nosa asemblea de persoas afectadas polos desafiuzamentos e o dereito a vivenda. Como tódolos terceiros martes de mes, terá lugar ás 20h no centro social A Comuna (Verea do Polvorín 35).

Ante o desleixo institucional, a complicidade dos gobernos coas entidades bancarias, e a expulsión sistemática das persoas empobrecidas das súas vivendas, opoñemos o apoio mutuo, a forza colectiva e o coñecemento compartido. Non somos culpables da súa crise, moito menos da súa estafa!

NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!
SÓ A LOITA FAI XUSTIZA!!

miércoles, 13 de julio de 2016

Concentración en apoio dunha afectada polo Santander e presentación de escrito ó Xuíz Decano


Onte nos concentramos ante os xulgados en apoio de Lola, compañeira que acudía a unha vista do seu procedemento de execución hipotecaria, demandada polo banco Santander. A pesares da publicidade institucional que nos quere facer pensar que os bancos xa non desafiúzan, comprobamos que nada máis lonxe da realidade: Santander, Abanca, BBVA e demais seguen aproveitando a posición de poder que lles outorgan uns contratos hipotecarios repletos de cláusulas abusivas para abalanzarse sobre a xente hipotecada ó mínimo impago.

Segundo o banco Santander, a Lola quérena botar da súa casa por non pagar 3 cuotas e media da súa hipoteca, segundo o seu abogado por unha cuota e media xa que o banco utiliza a cláusula de redondeo pola que cada ano lle cobran 5 días máis de intereses.

A Lola o Santander pódea botar da súa casa porque inclúe en tódolos contratos hipotecarios unha cláusula chamada VENCEMENTO ANTICIPADO, unha cáusula que non foi negociada no momento da contratación do préstamo hipotecario e da cal o notario non lle explicou o seu significado. Ninguén firmaría unha hipoteca cunha cláusula semellante. É a cláusula sexta bis, se tes hipoteca podela buscar e leer o que di. Esta claúsula permítelle ó banco poder reclamar ante o xulgado non só as cuotas vencidas, senon as que todavía están por vencer. É dicir, que se tes unha hipoteca de 30 anos e deixas de pagar unha cuota, a pesares de levar 10 anos pagados o banco podeche pedir que lle pagues de golpe os 20 restantes. Estamos tolos?

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea di que si, que estamos a utilizar unha lei ilegal e que provoca indefensión. O pasado 28 de maio, a propia Unión Europea afirmou que abrirá un procedemento de infracción contra España se non modifica a Lei Hipotecaria e a adapta á lexislación europea. Multa que teremos que pagar toda a cidadanía cos nosos impostos, incluso Lola.

Resumindo, bótannos das nosas casas por que nos xulgan cunha lei ilegal e aínda por riba temos que pagar unha multa por non utilizar a lei da Unión Europea, que é a que nestes casos debería prevalecer. É un sinsentido.

É por isto que, tras o xuízo de Lola, presentamos un escrito ó Xuíz Decano no rexistro do xulgado instándolle a tomar posición: non se pode seguir tolerando a dramática situacíón para miles de familias que temen perder a súa vivenda sen que polos Xulgados, coñecedores desta realidade, se adopten todo tipo de medidas de protección.

O caso de Lola é, desgraciadamente, un máis dos centos de miles que se están a dar a nivel estatal. Os colectivos sociais levamos anos sinalando a inxustiza do sistema legal español, acadando coa nosa mobilización non só que se paren desafiuzamentos in extremis ou dacións en pago que alivien considerablemente a carga das persoas hipotecadas, senon tamén, a través de litixios estratéxicos e sentencias pioneiras, que as institucións europeas (e agora cada vez máis tribunais do estado español) se pronuncien en favor dos dereitos das persoas afectadas, pisoteados sistematicamente pola actuación depredadora dos bancos e dos gobernos cómplices.

Agardamos con estas accións que o Xuíz Decano e os xulgados da cidade tomen conciencia por fin da situación que se está a sufrir e da súa responsabilidade dentro dela, e que pasen a informarse das novidades xudiciais e actuar en consecuencia. Nas mans dos nosos xuíces está evitar que se boten as familias das súas casas.


NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

lunes, 27 de junio de 2016

Asemblea de persoas afectadas de xuño


Seguindo coa nosa cita mensual, teremos unha asemblea de persoas afectadas este martes 28 ás 20h, para abordar as distintas situacións da xente que acuda, dármonos apoio mutuo, aprender unhas doutras e procurar solucións conxuntamente.

A asemblea, coma nas últimas ocasións, será no centro social A Comuna (Verea do Polvorín nº 35).

NIN CASAS SEN XENTE NIN XENTE SEN CASA!!

martes, 21 de junio de 2016

Concentración contra as multas polas mobilizacións de apoio a Elviña



Hoxe, martes 21, estaremos ás 20.30h fronte á Subdelegación do Goberno xunto á xente de Elviña non se vende denunciando a represión e a persecución que sufrimos activistas e veciñanza por tratar de frear os desaloxos derivados do Plan Ofimático.

Deixámosvos a continuación o texto do panfleto co que pretendemos lembrar á cidadanía os abusos que se están a cometer en Elviña e contra a xente que defende os seus dereitos máis básicos ante o caciquismo e a especulación:






MÚLTANOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI

Xa pasou máis de ano e medio daquel 27 de novembro de 2014, no que a veciñanza de Elviña co apoio dos movementos sociais da cidade, pelexamos para evitar a barbarie do desafiuzamento de Varo e Isa; e a Subdelegación acaba de ratificar as 17 multas que nos puxeran por un total de máis de 7000€, polo que nos vemos na obriga de pagalas se non queremos ser embargadas.

Pero hoxe non estamos aquí só para denunciar o absurdo e a desproporción de tales sancións, senón que tamén queremos aproveitar para seguir reivindicando o barrio de Elviña e advertir que, a pesares das súas ameazas e multas, seguiremos loitando.

Ese 27 de novembro, centos de veciñas enfrontáronse a un auténtico batallón de policía nacional UIP e policía local con material antidisturbios, nun despregamento sen precedentes nesta cidade. Resistiuse  desde o amencer ata a tarde, loita que xa comezara con concentracións e cortes durante os días antes do espolio  e que se mantivo tamén con posterioridade ó mesmo.

Finalmente fomos derrotadas, desafiuzaron a Álvaro Corral, á súa nai e aos seus dous fillos. Todos eles naceran e creceran nesa casa que construíu o  avó e tiña alí,  ademais, a súa horta e o seu negocio familiar, un taller de motos. Esa casa viu nacer e crecer a tres xeracións.

O caso de Varo ilustra á perfección o drama que viven as veciñas de Elviña con varias vivendas aínda en risco de desafiuzamento (desaloxo), máis as multimillonarias sumas que han de pagar de cotas as moitas compañeiras xa desafiuzadas, ao ser convertidas en promotoras forzosas.

Pero non todo balance é negativo,  en contraposición temos un barrio máis forte que nunca que non cala cando saquean as súas casa, a súa vila e a súa xente.

As multas perseguen un só obxectivo, desmobilizar. Non son sancións administrativas, se non intentos de cortar unha loita, castigala e reprimila. Pero isto é xa imparable, canto máis forte sexa a súa represión, xa sexa por medio de Mordazas, golpes, porradas ou multas, máis forte alzaremos as nosas voces.

ELVIÑA NON SE VENDE, ELVIÑA SE DEFENDE
A LOITA É O ÚNICO CAMIÑO

lunes, 23 de mayo de 2016

Asemblea de afectadas, este martes 24 ás 20h no Centro Social A Comuna

A unión fai a forza! Non somos culpables da crise financieira nin do paro sen prestacións nin da precariedade e a explotación, así que non temos culpa de nada si non damos pagado o aluguer ou a hipoteca. Seguimos facendo camiño, apoiándonos, abrindo vías, compartindo sensibilidades diferentes que nos axuden a saírmonos de espirais de sofrimento que non merecemos.

En Stop Desafiuzamentos entendemos que o problema dunha persoa non é individual e illado, senon que é social e compartido con moita outra xente que tamén o sufre. Que nas últimas décadas o dereito á vivenda foi comercializado e hipotecado, e agora somos nós quen apanda coas consecuencias, aínda que quen se beneficiou segue tranquilamente disfrutando dos beneficios da súa estafa. E para poñer as cousas no seu sitio, unha soa persoa pouco pode facer, pero as experiencias do colectivo, da PAH a nivel estatal, e de tantos outros movementos previos e contemporáneos nos demostra que é unindo forzas que se acadan solucións.

Por este motivo facemos as asembleas de persoas afectadas: un espazo para compartir experiencias, entender que non estamos soas, apoiarnos solidariamente e comezar a aprender a autodefendérmonos dos abusos bancarios e xudiciais, e da neglixencia das administracións.

O dereito a non ser desafiuzad@ é un paso previo, básico, ó verdadeiro dereito á vivenda.
Os gobernos elixiron rescatar ós bancos e non ás persoas. As persoas estamos aprendendo a rescatarnos por medio do apoio mutuo, a solidariedade e a desobediencia.

Só a loita fai xustiza. Somos parte da sensibilidade e o esforzo de millóns de persoas, organizadas ou non en colectivos como as PAHs, STOPs, e moitos outros que coidan das persoas, a saúde, a educación, os montes, o mar, o medioambiente, os barrios, a imaxinación, os dereitos das persoas migrantes e que fuxen da guerra... Haberá vida mentres loitemos contra a morte, o corazón pide outro xeito de relacionármonos, máis libre, máis solidario, máis verdadeiro e saudable do que nos ofrecen os Donos de Todo e os administradores e beneficiarios da crise do modelo, que xa non serve, que hai que mudar por outros mellores, por motivos de SuperVivencia!

NIN CASAS SEN XENTE NIN XENTE SEN CASA!

lunes, 2 de mayo de 2016

Debate sobre o dereito á vivenda

Hai un par de semanas, Arquitectura Sen Fronteiras invitounos a un debate radiofónico para o seu podcast "Habitando", no que tamén participaron Estefanía Calo (socióloga, autora dunha tese sobre vivenda) e Javier Díaz e Olga Burque, da cooperativa "Outra forma de vivenda". Estes días publicouse o resultado, que nos gustou moito e quixemos compartir nas nosas redes.

A conversa foi do máis interesante. Habitar é máis que acceder a catro paredes, e as catro paredes mesmas son un dereito que non debe depender da capacidade de pago, nin de regras de mercado, nin de privilexios da banca. Habitar é un proceso mudable, no que cambiamos de corpo, de saúde, de relacións, de necesidades, e que non cabe en vivendas deseñadas sen nós, e ás veces contra nós! O dereito a non ser desafiuzad@ é un paso previo, básico, ó verdadeiro dereito á vivenda.

Na Galiza hai 300.000 vivendas baleiras que deberían ser un recurso público, ou común, para dispor del creativamente. Hai outros modelos de acceso á vivenda alén da propiedade e o aluguer? Outros xeitos de participar a xente na organización do dereito á vivenda? Temos capacidade para imaxinar e darlle contido a xeitos de acceder á vivenda, e a xeitos de habitar, en tensión co mercado e as administracións, esixindo o que é noso, pero sen delegar a creatividade e as gañas de pensar en común? Cantas persoas, colectivos, puntos de vista diferentes, fan falla para artellar e garantir dereitos vivos, vivibles, interdependentes?

Podedes escoitar o podcast aquí:

miércoles, 20 de abril de 2016

ABANCA SI DESAFIÚZA!!

Onte na asamblea de persoas afectadas pola vivenda coñecimos o caso dunha parella demandada por ABANCA. No seu día pediron un préstamo para a vivenda, non para todo o prezo senón para unha parte. Pagaron ata que perderon o negocio do que vivían e quedaron sen nada, sen ingresos nin prestacións públicas.

ABANCA non lles dá alternativa ningunha, cancelou todo o préstamo usando a cláusula de vencimento anticipado, que é abusiva segundo a doutrina do TJUE (Tribunal de Xustiza da Unión Europea), e demandounos nos xulgados, como seguen a facer os bancos, digan o que digan.

A ILP da PAH xa pedía
a paralización de todos os procedementos. O goberno do PP tumbouna en 2013, malia ter 1.500.000 firmas de respaldo. As medidas da lei 1/2013 son parches, non solucións, e o código de boas prácticas é unha broma macabra porque os bancos non o cumpren e as administracións non levan control ningún.

Hai uns días pasou por A Coruña o compañeiro Néstor, facendo en bici o Tour das Cinco da PAH (#Tourlas5delaPAH), reinvindicacións de mínimos que seguen esixindo
a paralización dos procedementos.

Nova Caixa Galicia, agora ABANCA, foi o momento culminante das operacións nas que os grandes xenios financieros da Galiza concentraron unha grande cantidade de aforros, multiplicáronos en operacións especulativas, forráronse con grandes soldos e indemnizacións, e afundiron as caixas. O goberno gastou máis de 9.000 millóns no rescate, e despois regaloulle o patrimonio a Escotet por 1.003 millóns.

Nin o goberno nin ABANCA amosan a menor sensibilidade cara as persoas que non poden facer fronte ós pagos por estar afectadas por unha crise económica, social e financiera da que non teñen culpa. O goberno e ABANCA son impacables coas persoas, abandoadas, sen prestacións axeitadas, sen alternativas á situación de paro forzoso, sen dereito á vivenda.

A unión fai a forza! Non somos culpables, somos persoas! Seguimos facendo camiño, apoiándonos, abrindo vías xudiciais, compartindo sensibilidades diferentes que nos axuden a saírmonos de espirais de sofrimento que non merecemos.

Só a loita fai xustiza. Somos parte da sensibilidade e o esforzo de millóns de persoas, organizadas ou non en colectivos como as PAHs, STOPs, e moitos outros que coidan das persoas, a saúde, a educación, os montes, o mar, o medioambiente, os barrios, a imaxinación, os dereitos das persoas migrantes e que fuxen da guerra... A cabeza non para, haberá vida mentres loitemos contra a morte, o corazón pide outro xeito de relacionármonos, máis libre, máis solidario, máis divertido do que nos ofrecen os Donos de Todo e os administradores e beneficiarios da crise do modelo, que xa non serve, que hai que mudar por outros mellores, por motivos de SuperVivencia!

Paralización dos procedimentos xa! Stop crueldade bancaria!
Nin casas sen xente nin xente sen casa!
Vivir é un dereito, ter vivenda tamén!
Ningún ser humano é ilegal!
Abaixo os valados!