lunes, 23 de mayo de 2016

Asemblea de afectadas, este martes 24 ás 20h no Centro Social A Comuna

A unión fai a forza! Non somos culpables da crise financieira nin do paro sen prestacións nin da precariedade e a explotación, así que non temos culpa de nada si non damos pagado o aluguer ou a hipoteca. Seguimos facendo camiño, apoiándonos, abrindo vías, compartindo sensibilidades diferentes que nos axuden a saírmonos de espirais de sofrimento que non merecemos.

En Stop Desafiuzamentos entendemos que o problema dunha persoa non é individual e illado, senon que é social e compartido con moita outra xente que tamén o sufre. Que nas últimas décadas o dereito á vivenda foi comercializado e hipotecado, e agora somos nós quen apanda coas consecuencias, aínda que quen se beneficiou segue tranquilamente disfrutando dos beneficios da súa estafa. E para poñer as cousas no seu sitio, unha soa persoa pouco pode facer, pero as experiencias do colectivo, da PAH a nivel estatal, e de tantos outros movementos previos e contemporáneos nos demostra que é unindo forzas que se acadan solucións.

Por este motivo facemos as asembleas de persoas afectadas: un espazo para compartir experiencias, entender que non estamos soas, apoiarnos solidariamente e comezar a aprender a autodefendérmonos dos abusos bancarios e xudiciais, e da neglixencia das administracións.

O dereito a non ser desafiuzad@ é un paso previo, básico, ó verdadeiro dereito á vivenda.
Os gobernos elixiron rescatar ós bancos e non ás persoas. As persoas estamos aprendendo a rescatarnos por medio do apoio mutuo, a solidariedade e a desobediencia.

Só a loita fai xustiza. Somos parte da sensibilidade e o esforzo de millóns de persoas, organizadas ou non en colectivos como as PAHs, STOPs, e moitos outros que coidan das persoas, a saúde, a educación, os montes, o mar, o medioambiente, os barrios, a imaxinación, os dereitos das persoas migrantes e que fuxen da guerra... Haberá vida mentres loitemos contra a morte, o corazón pide outro xeito de relacionármonos, máis libre, máis solidario, máis verdadeiro e saudable do que nos ofrecen os Donos de Todo e os administradores e beneficiarios da crise do modelo, que xa non serve, que hai que mudar por outros mellores, por motivos de SuperVivencia!

NIN CASAS SEN XENTE NIN XENTE SEN CASA!

No hay comentarios:

Publicar un comentario